Antonio López, novo reitor da USC

O catedrático de Dereito Financeiro e Tributario Antonio López resultou elixido reitor da Universidade de Santiago de Compostela nunha votación na que obtivo un total de 3.474 votos, fronte aos 1.746 do candidato, e ata agora reitor, Juan Viaño. En termos de voto ponderado, López acadou o 62,66%.
A participación total foi do 20.73%. Dato condicionado pola, unha vez máis, baixa participación do estudantado que desta volta foi do 12.56%
O equipo que acompañará a Antonio López nesta nova etapa da USC está composto por Víctor Arce Vázquez (Estudantes e Internacionalización), Celia Besteiro Rodríguez (Organización Académica), Gumersindo Feijoo Costa (Planificación e Proxección Extratéxica), Dulce García Mella (Secretaría Xeral), Ernesto González Seoane (Profesorado), Mar Lorenzo Moledo (Comunicación, Cultura e Servizos), Mª Victoria Otero Espinar (Titulacións), Vicente Pérez Muñuzuri (Investigación e Innovación) e Montserrat Valcárcel Armesto (Coordinación do Campus de Lugo).
Antonio López, natural de Barreiros, obtivo a súa licenciatura na Facultade compostelá de Dereito en 1986 e cinco anos despois acadaría o grao de doutor nesta mesma universidade. Desenvolveu unha intensa carreira docente e investigadora con numerosas publicacións e estadías nas universidades de São Paulo, Montevideo e Boloña. Froito desta actividade ten recoñecidos catro sexenios de investigación.
É membro de diversas asociacións relacionadas coa súa especialidade, entre elas a Asociación Española de Profesores de Dereito Financeiro, a Asociación Española de Asesores Fiscais e a European Association of Tax Law Professors. Na USC, desempeñou os cargos de director do Departamento de Dereito Público Especial, secretario da Comisión de Doutoramento, vicerreitor de Coordinación do Campus de Compostela e Vicerreitor de Xestión de Infraestruturas (1998-2002) e decano da Facultade (2005-2007).
Logo da proclamación provisional do reitor o vindeiro 26 de abril, abrirase un prazo –entre o 27 de abril e o 2 de maio– para a presentación de recursos diante da Comisión Electoral Central. A proclamación definitiva do reitor electo producirase o día 7 de maio.