campUSCulturae é un proxecto da Universidade de Santiago de Compostela, dirixido polo profesor Xosé Antonio Neira Cruz, a prol das culturas do mundo, do entendemento multicultural e do fomento da diversidade e o pluralismo. Considerar a importancia das culturas (nomeadamente as minoritarias, máis acosadas por perigos que afecten á súa continuidade e pervivencia) parécenos unha oportunidade para manter a biodiversidade cultural do planeta, ofrecendo á nosa lingua e cultura a posibilidade de establecer procesos de retroalimentación con outros códigos lingüísticos e culturais.
campUSCulturae propón unha visión anovada sobre cuestións fundamentais para unha universidade do século XXI, a saber:
- Promover o diálogo intercultural
- Dar lugar á creación de plataformas de mutuo coñecemento e entendemento entre pobos e individuos procedentes de distintas culturas do mundo
- Apoiar proxectos de fomento das culturas ou grupos sociais menos protexidos ou en perigo de desaparición
- Fomentar a proxección e difusión das linguas minoritarias do mundo
- Abordar as diferenzas e a diversidade cultural desde parámetros non paternalistas, non colonialistas, igualitarios e de cooperación
- Visibilizar formas de vida, experiencias de persoas ou de grupos, rompendo cos tabús preconcibidos ou cos tópicos universalistas que devalúen o feito diferencial
- Crebar tabúes e prexuízos que obran en contra da diversidade social e cultural
- Dar voz e presenza aos máis novos e ás obras literarias e artísticas concibidas para eles e elas desde a diversidade de linguas, estilos, xéneros e sensibilidades
campUSCulturae estrutúrase a través dos seguintes contedores xerais:
- Biblioteca campUSCulturae das literaturas infantís e xuvenís do mundo
- Centro do Diálogo Intercultural
- Museo Internacional da Ilustración
- Centro Internacional da Creatividade
- campUSCulturae RTV (ao redor do cal se creou Radio campUSCulturae)