Estatutos de Radio campUSCulturae

ESTATUTOS
ASOCIACIÓN UNIVERSITARIA CULTURAL RADIO CAMPUSCULTURAE

CAPÍTULO I
DA ASOCIACIÓN EN XERAL

Artigo 1°.
Constitúese unha asociación sen ánimo de lucro das previstas na Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo, reguladora do dereito de asociación. A asociación ten a seguinte denominación: “ASOCIACIÓN UNIVERSITARIA CULTURAL RADIO CAMPUSCULTURAE”.

A asociación rexerase polos ditos estatutos, pola Lei orgánica 1/2002, do 22 de marzo e pola demais lexislación existente en materia de asociacións que lle sexa aplicable.

Artigo 2º.
O domicilio principal e permanente da asociación radicará no local V4 da Facultade de Ciencias da Comunicación, sita na Avenida de Castelao, s/n c.P. 15705 Santiago de Compostela, correo electrónico [email protected]

Artigo 3°.
A asociación, en función dos seus fins e do emprazamento do seu domicilio social, exercerá fundamentalmente as súas actividades no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 4°.
A asociación constitúese por tempo indefinido e só se disolverá, conforme a estes estatutos, pola vontade dos asociados expresada en Asemblea Xeral Extraordinaria ou polas causas previstas na lexislación vixente.

A asociación rexerase segundo os principios democráticos contidos no marco da Constitución e o resto do ordenamento xurídico.

Artigo 5°.
Son fins principais da asociación:

  • Divulgar e dar a coñecer a creación de contidos informativos, culturais, recreativos e divulgativos en formato radiofónico e multimedia.
  • Dar cabida a formas de expresión informativa e comunicativa na que poidan participar aquelas persoas ou colectivos vencellados á Asociación.
  • Promover a radio, en formato multimedia, como medio e canle para a democracia, a participación, o pluralismo e o respecto e promoción da diversidade.
  • Investigar sobre novas formas e formatos no ámbito da creación e da comunicación.
  • Potenciar a comunicación e a información relativa á vida universitaria.
  • Recoller, manter e, na medida do posible, preservar o espírito do proxecto campUSCulturae, cando menos no que atinxe aos contidos radiofónicos e facerse cargo do espazo e material a tal fin dotado polo proxecto para a realización de contidos radiofónicos.

Para levar a cabo os seus fins, poderá a asociación organiza-las seguintes actividades:

  • A produción, realización e difusión de contidos radiofónicos.
  • A organización de actividades formativas, divulgativas e de promoción relacionadas coa radio e a Universidade.
  • A realización, produción e difusión de material multimedia sobre os contidos relacionados cos fins da Asociación.
  • O mantemento dunha programación radiofónica e multimedia con vocación de continuidade e sen ánimo de lucro.

Os beneficios que se obteñan por calquera concepto destinaranse exclusivamente ó cumprimento destes fins, sen que se poidan repartir entre os asociados nin outras persoas fisicas ou xurídicas con interese lucrativo.

CAPÍTULO II
DOS ASOCIADOS

Artigo 6°.
Poderán ser integrantes da asociación todas aquelas persoas físicas ou xurídicas, con plena capacidade de obrar ou tralo acordo do órgano competente da persoa xurídica, que reúnan os seguintes requisitos:

  • Estar en plenas facultades psicolóxicas.
  • Non ter débedas coa administración.
  • Estar en consonancia cos fins desta entidade.

Poderán ser integrantes da asociación na súa sección xuvenil, os membros que teñan capacidade de obrar e cuxas idades sexan entre os 14 anos cumpridos e 30 anos sen cumprir.

Esta Sección Xuvenil terá autonomía funcional e organización propia para os asuntos especificamente xuvenís.

Os acordos de admisión de asociados e asociadas tomaraos a Xunta Directiva, unha vez recibida a petición por escrito da persoa que desexa ser admitida.

Os menores de idade, non emancipados, deberán acreditar documentalmente o consentimento das persoas que deban supli-la súa capacidade.

Artigo 7°.
Dentro da asociación poderán existi-las seguintes clases de asociados:

  • Fundadores, aquelas persoas que subscribiron a acta fundacional.
  • Numerarios, aquelas persoas que ingresaron con posterioridade á subscrición da acta fundacional.
  • Honorarios, aquelas persoas que, a xuízo da Asemblea Xeral, axuden de xeito notable ao desenvolvemento dos fins da asociación.
  • Xuvenís, aquel as persoas menores de 30 anos que participen na asociación, que estarán integradas na sección xuvenil, no seu caso.

Artigo 8°.
A condición de asociado pérdese:

  • Por vontade propia.
  • Por retraso no pago das cotas de socio máis alá de dous meses.
  • Por incumprimento das súas obrigas ou a realización de accións que prexudiquen gravemente ós intereses da Asociación, previo expediente disciplinario, con audiencia do interesado.
  • Por falecemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica.

A expulsión de asociados e asociadas nos supostos dos apartados b) e c) do parágrafo anterior, será acordada pola Xunta Directiva, logo da audiencia do interesado. O acordo de expulsión deberá ser ratificado pola Asemblea Xeral Extraordinaria e contra a súa resolución poderase recorrer ante a xurisdición ordinaria.

Artigo 9°.
Os asociados e asociadas teñen os seguintes dereitos:

  • Participar nas actividades da asociación e nos órganos de goberno e representación, exerce-lo dereito de voto, así como asistir á Asemblea xeral, de acordo cos estatutos.
  • Ser informado da composición dos órganos de goberno e representación da asociación, do seu estado de contas e do desenvolvemento da súa actividade.
  • Ser oído con carácter previo á adopción de medidas disciplinarias contra el e ser informado dos feitos que dean lugar ás ditas medidas, debendo motivarse o acordo que, no seu caso, impoña a sanción.
  • Impugna-los acordos dos órganos da asociación que estime contrarios á lei ou ós estatutos.

Os asociados e asociadas honorarios e os menores de idade non intervirán na dirección da asociación nin nos órganos de representación dela. Os asociados e asociadas honorarios e os menores de idade están facultados para asistir ás asembleas xerais con voz, pero sen voto. Do mesmo xeito, o pagamento de cotas, no caso dos asociados/as honorarios/as, será voluntaria.

Artigo 10°.
Son obrigas dos asociados e asociadas:

  • Comparti-las finalidades da asociación e colaborar para a súa consecución.
  • Paga-las cotas que se establezan.
  • Desempeña-los cargos para os que foron elixidos.
  • Acatar e cumpri-los acordos validamente adoptados polos órganos de goberno e representación da asociación.
  • Acata-lo contido dos estatutos.
  • Ter unha boa conduta individual e cívica.

CAPÍTULO III
DOS ÓRGANOS DA ASOCIACIÓN

Artigo 11º.
A dirección e administración da asociación serán exercidas polo presidente, a Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.

Artigo 12º.
O presidente da asociación será designado pola Asemblea Xeral entre os asociados e o seu mandato durará dous anos. Será asistido nas súas funcións por un vicepresidente, que o substituirá nos casos de vacante, ausencia ou enfermidade.

O presidente terá as seguintes atribucións:

  • Representa-la asociación perante calquera organismo público ou privado.
  • Convocar e presidi-las sesións que celebre a Xunta Directiva; presidi-las sesións da Asemblea Xeral; dirixi-las deliberacións dunha e outra, e decidir con voto de calidade, no caso de empate.
  • Executa-los acordos adoptados pola Xunta Directiva e a Asemblea Xeral.
  • Ordena-los pagamentos acordados validamente.
  • Asina-las actas, certificados, pagamentos e outros documentos da asociación xunto co secretario ou membro da Xunta Directiva a quen lle corresponda a elaboración do documento de que se trate.

Artigo 13°.
A Xunta Directiva estará formada polo presidente da asociación, un vicepresidente, un secretario, un tesoureiro e vocais.

Os cargos que compoñen a Xunta Directiva serán desempeñados de forma gratuíta, sen prexuízo do dereito a ser reembolsados dos gastos debidamente xustificados en que poidan incorrer por actuacións relacionadas coa asociación.

As persoas elixidas para estes cargos deberán carecer de interese económico nos resultados da actividade levada a cabo pola asociación.

A Asemblea Xeral será a competente para elixi-los cargos da Xunta Directiva. A súa duración será por un período de dous anos, aínda que poden ser obxecto de reelección indefinidamente.

Os cargos cesarán na súa función por:

  • Facelemento da persoa física ou extinción da persoa xurídica.
  • Renuncia voluntaria.
  • Transcurso do prazo para o que foron elixidos.
  • Acordo de cesamento de toda a Xunta Directiva adoptado por 2/3 dos asociados reunidos en Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto.

A renuncia e o transcurso do prazo non dan lugar ó cesamento automático, senón que se deberá facer un efectivo traspaso de poderes con entrega de documentación e posta ó día do sucesor.

As vacantes que se puideran producir durante o mandato de calquera dos membros da Xunta Directiva, serán cubertas provisoriamente entre os ditos membros ata a elección definitiva pola Asemblea Xeral. En calquera caso, a Xunta Directiva debe estar integrada como mínimo por 3 persoas, que exercerán as funcións de presidente, secretario e tesoureiro.

Artigo 14º.
A Xunta Directiva terá as seguintes atribucións:

  • Programar e dirixi-las actividades asociativas.
  • Leva-la xestión administrativa e económica da asociación.
  • Someter á aprobación da Asemblea Xeral o orzamento anual de ingresos e gastos, así como o estado de contas do ano anterior.
  • Convocar e fixa-la data da Asemblea Xeral.
  • Propoñerlle á Asemblea Xeral a fixación de cotas ordinarias e extraordinarias para os asociados.
  • Designa-las comisións de traballo ou seccións que se estimen oportunas para o bo funcionamento da asociación.
  • Ditar normas interiores de organización e exercer cantas funcións non estean expresamente asignadas á Asemblea Xeral.
  • Resolver sobre as solicitudes de ingreso de novos asociados.
  • Propoñe-lo plan de actividades da asociación á Asemblea Xeral para a súa aprobación, impulsando e dirixindo as súas tarefas.
  • Resolve-los procedementos disciplinarios que se instrúan.
  • Aquelas que non veñan atribuídas expresamente á outro órgano da asociación.

Artigo 15°.
A Xunta Directiva será convocada polo presidente, a iniciativa propia ou a petición de calquera dos seus compoñentes.

Para que os acordos da Xunta Directiva sexan válidos, deberán ser adoptados pola maioría de votos dos asistentes, sendo necesaria a concorrencia, polo menos, da metade máis un dos seus membros e, en todo caso, do presidente ou vicepresidente e o secretario ou persoa que o substitúa.

O secretario ou, no seu defecto, o vocal que o substitúa, levantará acta das sesións, que se transcribirá ó libro de actas.

Artigo 16°.
Os membros da Xunta Directiva presidirán as comisións que a propia Xunta acorde constituír, co fin de delegar nelas a preparación de determinados actos ou actividades, ou de acadar delas as informacións necesarias. Formarán parte das ditas comisións o número de asociados que acorde a Xunta Directiva, a proposta dos seus respectivos presidentes.

Artigo 17°.
A Asemblea Xeral de asociados e asociadas é o órgano de expresión da vontade da asociación e estará formada por tódolos integrantes desta. O presidente e o secretario da asemblea serán o presidente e o secretario da Xunta Directiva.

Artigo 18°.
A Asemblea Xeral reunirase con carácter ordinario como mínimo unha vez ó ano, e con carácter extraordinario cantas veces o acorde a Xunta Directiva, ou o soliciten o 10% dos socios. Neste último caso realizarase por medio de escrito dirixido ó presidente, autorizado coas sinaturas dos solicitantes, no que se expoña o motivo da convocatoria e a orde do día.

Artigo 19°.
A Asemblea Xeral Ordinaria reunirase necesariamente no período que vai desde o mes de setembro ata o de maio. Tanto a Asemblea Ordinaria como a Extraordinaria serán convocadas con 15 días de antelación polo/a presidente/a da Xunta Directiva.

A notificación farase nos locais da asociación para as asembleas ordinarias e no domicilio dos asociados para as asembleas extraordinarias.

Artigo 20°.
Serán competencias da Asemblea Xeral Ordinaria:

  • Aproba-lo plan de actividades.
  • Examinar e aproba-las contas e balances do exercicio anterior.
  • Aproba-los presupostos de ingresos e gastos para cada exercicio.
  • Exame e aprobación das cotas.

Artigo 21°.
Serán competencias da Asemblea Xeral Extraordinaria:

  • Modifica-los estatutos da asociación.
  • Elixir e cesa-los integrantes da Xunta Directiva.
  • Aproba-la federación con outras asociacións.
  • Autoriza-lo alleamento, gravame ou hipoteca de bens sociais.
  • Acorda-la disolución da asociación.
  • Designa-los/as liquidadores/as.
  • Ratifica-la expulsión de asociados e asociadas a proposta da Xunta Directiva.
  • Solicita-la declaración de utilidade pública da asociación.
  • Aproba-lo regulamento de réxime interno da asociación.
  • As que sendo de competencia da asemblea ordinaria, por razóns de urxencia ou necesidade, non poidan agarda-la súa convocatoria, sen grave prexuízo para a asociación.
  • Tódalas non conferidas expresamente á Asemblea Xeral Ordinaria ou a Xunta Directiva.

Artigo 22°.
A Asemblea Xeral quedará validamente constituída sempre que concorran a metade máis un dos asociados na primeira convocatoria ou transcorrida media hora en segunda convocatoria, con calquera número de asistentes, pero, en todo caso, coa presenza do presidente ou vicepresidente e o secretario ou persoa que o substitúa.

Artigo 23°.
Os acordos adoptados deberán selo polo voto afirmativo da maioría simple dos asistentes ou representados, excepto os relativos ós apartados do 1 ó 7 do artigo 21°, que requirirán maioría de dous terzos. A continuación levaranse os acordos ó libro de actas e asinarano o/a presidente/a e o/a secretario/a da Asemblea. A acta deberá ser lida na seguinte sesión celebrada pola Asemblea Xeral e aprobada pola maioría dos membros presentes.

Artigo 24°.
Os acordos adoptados conforme ós preceptos anteriores obrigarán a tódolos/as asociados/as, incluso ós/ás non asistentes.

As sesións abriranse cando así o determine o presidente. Seguidamente procederase por parte do secretario á lectura da acta da asemblea anterior que deberá ser aprobada.

Posteriormente, o secretario procederá a presenta-la orde do día. Cada punto será informado polo membro da Xunta Directiva que lle corresponda, procedéndose ó debate e a aprobación dos correspondentes acordos nos termos contidos nestes estatutos, segundo a materia de que se trate.

Artigo 25°.
Os acordos que vaian contra estes estatutos ou infrinxan os fins da asociación poderán ser recorridos en reposición diante da Asemblea Xeral. A partir da resolución do recurso de reposición, quedará expedita a vía para recorrer perante a xurisdición ordinaria.

Artigo 26°.
O secretario recibirá e tramitará as solicitudes de ingreso, levará o ficheiro e o libro de rexistro de asociados e terá ó seu cargo a dirección dos traballos administrativos da entidade. Correspóndelle, así mesmo, notifica-las convocatorias, custodia-las actas e expedir certificacións destas co visto e prace do presidente. O secretario tamén levará o inventario dos bens da asociación nun libro establecido para este efecto.

Nos casos de ausencia, vacante ou enfermidade do secretario, o presidente designará entre os vocais a un que desenvolva esta función.

Artigo 27°.
O tesoureiro recadará e custodiará os fondos pertencentes á asociación, dará cumprimento ás ordes de pagamento que expida o presidente, levará a contabilidade da asociación, tomará razón e levará conta dos ingresos e dos gastos asociativos, elaborará o borrador de orzamentos da asociación así corno as contas de resultados e balances.

O tesoureiro ten a obriga de proceder ó peche do exercicio orzamentario antes do 15 de decembro, co fin de que as contas estean a disposición dos membros da asociación nos quince días anteriores á celebración da asemblea ordinaria.

Artigo 28°.
Os vocais terán as seguintes atribucións:

  • Realizar programas e propostas na súa área de actuación.
  • Desempeña-los traballos que lle sexan encomendados pola Xunta Directiva.

CAPÍTULO IV
RÉXIME ECONÓMICO

Artigo 29°.
A asociación no momento de inicia-las súas actividades dispón dun patrimonio de 10 euros. O peche do exercicio económico coincidirá co do ano natural.

Artigo 30°.
A asociación funcionará en réxime de presuposto anual, con partidas diferenciadas de ingresos e gastos. O borrador de presuposto será elaborado polo tesoureiro da asociación, que deberá telo preparado antes do un de xaneiro de cada ano, a fin de que poida ser aprobado na Asemblea Xeral Ordinaria.

Artigo 31°.
A asociación manterase dos seguintes recursos:

  • As cotas periódicas dos/as asociados/as.
  • As cotas extraordinarias que propoña a Xunta Directiva e sexan aprobadas pola asemblea.
  • As doazóns ou subvencións que poidan conceder órganos públicos, entidades privadas ou particulares.
  • Os ingresos que se poidan recibir polo desenvolvemento das actividades da asociación.
  • Calquera outro ingreso admitido pola normativa vixente para actividades non lucrativas.

Artigo 32°.
A Asemblea Xeral Ordinaria, a proposta da Xunta Directiva, aprobará tanto as cotas ordinarias como as extraordinarias que non serán reintegrables en ningún caso. O recadado dedicarase a atende-las necesidades da asociación.

Artigo 33°.
Anualmente, con referencia ó ultimo día do exercicio económico de cada ano, elaboraranse as contas, que se formalizarán nunha memoria, que será posta a disposición dos/as asociados/as, durante un prazo non inferior a 15 días ó sinalado para a celebración da Asemblea Xeral Ordinaria, que deberá aprobalas ou censuralas.

Artigo 34°.
Para a disposición de fondos das contas que a asociación ten nas entidades bancarias será necesaria a sinatura conxunta do presidente e do tesoureiro.

Artigo 35°.
Como entidade sen ánimo de lucro, en ningún caso poderán ser distribuídos entre os/as asociados/as os recursos obtidos pola asociación.

CAPÍTULO V
DO REGULAMENTO DE RÉXIME INTERNO

Artigo 36°.
O regulamento de réxime interno, no seu caso, desenvolverá aquelas materias non contempladas directamente nestes estatutos, como o procedemento de elección dos membros da Xunta Directiva e o procedemento disciplinario, e non pode ir en ningún caso en contra do estipulado neles. En todo caso, o funcionamento interno da asociación estará sometido ó ordenamento xurisdicional civil.

CAPÍTULO VI
MODIFICACIÓN DE ESTATUTOS E DISOLUCIÓN DA ASOCIACIÓN

Artigo 37°.
Os ditos estatutos só poderán ser modificados por acordo da Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto, adoptado polas 2/3 partes dos asociados. A proposta de convocatoria deberá ir acompañada do texto das modificacións propostas.

Artigo 38°.
A asociación disolverase voluntariamente por acordo dos asociados adoptado polas 2/3 partes dos asistentes á Asemblea Xeral Extraordinaria convocada para tal efecto.

Artigo 39°.
Acordada a disolución, a Asemblea Xeral Extraordinaria designará tres asociados/as liquidadores, que xunto o/a presidente e o/a tesoureiro/a, procederán para efectua-la liquidación dos bens, pagando débedas, cobrando créditos e fixando o haber líquido resultante.

Artigo 40°.
O haber resultante, unha vez efectuada a liquidación, doarase a outra asociación non lucrativa e inscrita na comunidade autónoma que teña iguais ou similares fins que os desta asociación.

O xustificante da doazón será presentado no Rexistro de Asociacións correspondente para proceder á inscrición da disolución da asociación.